Lidia Senra esixe ante a Comisión Europea que o mapa de risco de inundacións inclúa tamén as zonas de maior risco de Cuntis

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), considera necesario que as zonas de maior perigosidade do municipio de Cuntis sexan tamén incluídas canto antes no mapa galego das Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI). Por iso, ante a deixadez da Xunta da Galiza neste materia, a europarlamentaria ven de rexistrar unha pregunta por escrito dirixida á Comisión para que inste á Administración autonómica a tomar medidas fronte ás continuas enchentes do río Gallo.

Senra explica que os veciños e veciñas de Cuntis levan máis de 20 anos reclamando unha solución para as enchentes do río Gallo e dos seus afluentes, un problema que se agravou coa construción da variante da estrada N-640, que deixou un desaugadoiro do río insuficiente para o caudal. Hai tamén rúas con serios problemas na rede de sumidoiros e non se fai correctamente a separación de augas pluviais de fecais que chegan á EDAR, o que agrava, ademais, os problemas medioambientais. Os asolagamentos das canles fluviais provocan anualmente cuantiosos danos materiais nas casas e en establecementos comerciais, algo do que está ao tanto a administración estatal, xa que o Consorcio de Compensación de Seguros do Estado Español tivo que indemnizar a moitos veciños e veciñas en reiteradas ocasións por esta situación.

No ano 2014 a Consellaría de Medio Ambiente aseguraba que incluía a Cuntis entre as ARPSI, en cumprimento da Directiva 2007/60/CE. Sen embargo, publicada no Diario Oficial de Galiza (DOG) do 8/9/2014 a resolución dos mapas ARPSI, constátase que a zona máis conflitiva quedou excluída (km 217 da N-640). Ante tal situación, que Lídia Senra coñeceu de primeira man hai unhas semanas cando visitou Cuntis e fixo un roteiro pola localidade acompañada por representantes do grupo municipal de Veciñanza, a eurodeputada pregúntalle directamente á CE se considera que Augas de Galiza cumpriu coa Directiva Europea actuando así. Tamén lle pregunta se cre que o Goberno galego actúa de xeito responsable afirmando que os mapas non se volverán actualizar até 2022 e que polo tanto non hai nada que facer até ese ano. Senra pregúntalle á Comisión Europea que mecanismos considera que se deben pór en marcha para atallar o risco e perigo de enchentes no concello xa.

A tramitación da resposta adoita tardar entre 4 e 6 semanas e a eurodeputada estará moi pendente da contestación da CE para seguir a reclamar que se inclúa este punto nos mapas ARPSI.

Share

Tamén pode gustarche...